Día 4
Bos días familias! Somos o equipo técnico de monitores e monitoras que acompañamos aos vosos fillos e fillas
durante esta divertida experiencia.
Como todos estes días, o primeiro que fixemos na mañá de onte foi espertarnos a ritmo de diferentes estilos musicais para
empezar o día con toda a enerxía positiva do mundo! Preparámonos rapidamente
para desfrutar do almorzo que nos deu toda a forza que precisabamos para
afrontar todo o que tiñamos ao longo do día.
Rapidamente fomos
lavar todos e todas os nosos dentes para... IRNOS Á PRAIA! Unha vez alí, e con
toda a motivación, gozamos duns bailoteos que puxeron en movemento os nosos
corpos. Con todo este chute de enerxía puxémonos a practicar diferentes deportes
como takraw e kimball, aínda que tamén houbo tempo para que todos os nenos e
nenas empregaran a súa imaxinación para elaborar as súas propias obras de arte
con area.
De seguido, tocou o momento de facer un pequeno parón para comer unha peciña de froita e seguir gozando de xogos, como o coñecido “rosa dos ventos”, e dun apetecible baño na auga, ¿quente? ¿fría? Depende de a quen lle preguntemos...
Xa tiñamos
todos moita fame, polo que voltamos ao campamento para probar o delicioso xantar
que nos prepara o noso equipo de cociña e que nos permite seguir a tope co que
nos queda de tarde. Despois dese marabilloso xantar, lavamos os nosos dentes e baixamos
para que os nenos desfruten do seu tempo de desconexión, un momento simultáneo
ca Radio Marina Española’24 e cas chamadas que fixeron algúns dos pequenos e
pequenas ás súas familias.
Pasado este anaquiño, deron comezo as rotacións da tarde onde os acampados e acampadas poden desfrutar das diferentes actividades que con tanto agarimo preparamos. A primeira de todas elas foi unha divertida xincana onde por grupos todos e todas os nenos se enfrontaban aos retos que o monitorado lles tiñan preparados, pero todo isto... a contra reloxo. Pero... que tiñan que superar? Pois retos onde tiñan que poñer en práctica diferentes habilidades como a puntería, para derribar varias latas; o equilibrio, para poder pasar o slack; a coordinación motriz, para poder superar un pequeno labirinto, uns cantos saltos, facer a croqueta...
Chegou a media tarde e, polo tanto, a ansiada hora da merenda, onde aproveitamos para descansar un pouco e coller un pouco máis de forza para as seguintes dinámicas. Nesta ocasión os nenos e nenas volveron a realizar diferentes actividades animadas e amenizadas polo noso equipo de monitores e monitoras: tiro con arco, xeocaptura, escalada, tirolesa... Canto desfrutamos e canta enerxía gastamos!
Despois de tanta actividade, onde rematamos bastante porquiños... era necesario que chegara o momento das duchas para poder prepararnos para unha noite diferente onde estivemos divididos en dous marabilloso equipos: EQUIPO AGACHADAS e EQUIPO EUROCOPA.
Por outra
banda, seguramente tamén quereredes saber que pasou ca gran final da Eurocopa. Todo
comezou cando dende o primeiro día parte dos nenos e nenas amosaron unha gran
emoción e interese por ver este decisivo partido. Polo seu bo comportamento e
actitude, especialmente en relación a este ámbito, non lle puidemos negar a experiencia
de compartir ese momento entre os amigos e amigas. Se ben é certo, os primeiros
minutos estábanse a vivir ca propia tensión dun partido ata que chegou o
primeiro dos goles que, por suposto, se celebrou como nunca antes. Os minutos
foron pasando, a tensión futboleira seguía no ambiente, baseado sempre no respecto
cara todo o mundo, e por fin chegou o partido e a gran celebración por ese 2-1
chea de risas, bailes e choros de felicidade.
Despois de
tanto trote, bailes e risas durante todo o día, pechámolo cun conto que
transmitía unha bonita mensaxe sobre as emocións propias das persoas. Un
momento que permitiu que os pequenos e pequenas puideran entrar nesa
tranquilidade tan necesaria antes de pechar os seus olliños.
Comentarios
Publicar un comentario